Que é un navegador web?
Un navegador web lévate a calquera lugar da Internet, permitíndoche ver un texto, unha imaxe ou un vídeo desde calquera lugar do planeta.
A web é unha ferramenta vasta e poderosa. Ao cabo dunhas décadas, a Internet cambiou a forma de traballar, a forma de xogar e a forma de interactuar. Dependendo de como se use, fai de ponte entre as nacións, impulsa o comercio, nutre as relacións, impulsa o motor de innovación do futuro e é responsable de máis memes do que damos feito.
É importante que todas as persoas teñan acceso á web, mais tamén é vital que todas e todos comprendamos as ferramentas que empregamos para acceder a ela. Empregamos navegadores web como o Firefox de Mozilla, Chrome de Google, Edge de Microsoft e Safari de Apple decotío, mais comprendemos que son e como funcionan? Nun curto período de tempo pasamos de nos sorprender coa capacidade de enviar un correo electrónico a alguén en calquera parte do mundo a un cambio na forma de pensarmos a información. Non se trata xa de canto se sabe, senón simplemente de que navegador ou aplicación pode chegar a esa información máis rápido.
Como funciona un navegador web?
Un navegador web leva a calquera parte de Internet. Recupera información doutras partes da web e móstraa no escritorio ou dispositivo móbil. A información transfírese mediante o Protocolo de Transferencia de Hipertexto, que define como se transmiten texto, imaxes e vídeo na web. Esta información debe compartirse e amosarse nun formato coherente para que as persoas que usan calquera navegador en calquera parte do mundo poidan ver a información.
Por desgraza, non todos os fabricantes de navegadores optan por interpretar o formato do mesmo xeito. Para os usuarios, isto significa que un sitio web pode ter un aspecto e un funcionamento diferentes. Crear coherencia entre navegadores para que calquera usuario poida gozar de internet, independentemente do navegador que elixa, chámase estándares web.
Cando o navegador web obtén datos dun servidor conectado a Internet, usa un software chamado motor de representación para traducir eses datos en texto e imaxes. Estes datos están escritos en linguaxe de marcado de hipertexto (HTML) e os navegadores web len este código para crearen o que vemos, escoitamos e experimentamos en internet.
As hiperligazóns permiten que as usuarias e usuarios sigan unha ruta a outras páxinas ou sitios da web. Cada páxina web, imaxe e vídeo ten o seu propio Localizador uniforme de recursos (URL), que tamén se coñece como enderezo web. Cando un navegador visita un servidor para obter datos, o enderezo web indícalle ao navegador onde buscar cada elemento que se describe no html, que lle indica ao navegador onde vai na páxina web.
Cookies (non as gorentosas galletas)
Os sitios web gardan información sobre vostede en ficheiros chamados cookies. Gárdanse no seu computador para a próxima vez que visite ese sitio. Ao regresar, o código do sitio web lerá ese ficheiro para ver que é vostede. Por exemplo, cando vai a un sitio web, a páxina recorda o seu nome de usuario e contrasinal; isto é posible grazas a unha cookie.
Tamén hai cookies que recordan información máis detallada sobre vostede. Se cadra os seus intereses, os seus patróns de navegación web, etc. Isto significa que un sitio pode proporcionar contido máis dirixido, a miúdo en forma de anuncios. Hai tipos de cookies, chamadas cookies de terceiros, que proveñen de sitios que nin sequera visita nese momento e poden rastrexar a súa presenza dun sitio a outro para recompilar información sobre vostede, que ás veces se vende a outras empresas. Ás veces vostede pode bloquear este tipo de cookies, aínda que non todos os navegadores o permiten.
Comprender a privacidade
Case todos os navegadores principais teñen unha configuración para a navegación privada. Existe para ocultar o historial de navegación doutras persoas usuarias do mesmo ordenador. Moita xente pensa que a navegación privada ou o modo de incógnito ocultarán tanto a súa identidade como o historial de navegación dos fornecedores de servizos de internet, gobernos e anunciantes. Non o fan. Esta configuración simplemente limpa o historial do sistema, o que é útil se está a tratar con información persoal confidencial nun computador público ou compartido. O Firefox vai alén diso.
O Firefox axúda a ser máis privado na rede ao permitir impedir que os rastrexadores sigan a súa presenza pola web.
Facer que o seu navegador web traballe para vostede
A maioría dos principais navegadores web permiten que as persoas usuarias modifiquen a súa experiencia a través de extensións ou complementos. As extensións son anacos de software que se poden engadir ao navegador para personalizalo ou engadir funcionalidades. As extensións poden facer todo tipo de cousas divertidas e prácticas como habilitar funcións novas, dicionarios nunha lingua estranxeira ou aparencias e temas visuais.
Todos os fabricantes de navegadores desenvolven os seus produtos para que mostren as imaxes e os vídeos o máis rápido e sinxelamente posíbel, facilitando así o aproveitamento da web. Traballan arreo para se aseguraren de que os usuarios teñan un navegador rápido, potente e doado de usar. Onde se diferencian é no porque. É importante escoller o navegador axeitado para vostede. Mozilla crea Firefox para garantir que os usuarios teñan control sobre a súa vida na rede e para garantir que internet sexa un recurso público global e accesíbel a todos.